As Illas Estelas, ou simplemente As Estelas, gardan como dous sentinelas a entrada á enseada de Baiona, aínda que vistas desde terra poderían parecer peóns avanzados das Cíes, que se elevan maxestosas entre as brétemas místicas do horizonte. O pequeno arquipélago das Estelas reparte as súas 19 hectareas entre dous illotes maiores, chamadas Estela de Dentro ou de Terra e Estela de Fóra ou de Mar; de 9,6 e 7 hectáreas, respectivamente; e varios illotes menores e peñascos coñecidos no seu conxunto como As Serralleiras. As dúas Estelas maiores teñen unha forma amesetada, cun contorno rochoso e pouco accesible, e unha cima cuberta de arbustos que se eleva ata 29 metros, na Estela de Dentro; e 20 metros na Estela de Fóra. No lado sur da primeira delas ábrese unha pequena praíña na que non é difícil imaxinarse acampando aos homes de Drake ou a calquer outro grupo de piratas dos que durante séculos azoutaron estas costas. Aínda que non hai pegadas de ningunha construción nas illas, oculto baixo as súas augas atópanse os restos dun mercante liberiano, o Ivy, que foi arroxado contra elas durante un forte temporal, no ano 1976. Os restos do pecio serven hoxe de refuxio a crustáceos, moluscos e estrelas de mar, que son o verdadeiro tesouro escondido das Estelas.

!-- Event snippet for Website traffic (1) conversion page -->