Situado na parroquia de Panxón, Monteferro domina a paisaxe de todo o municipio. Intérnase 1,5 km no mar, formando unha profunda península que divide os areais de Praia América (antigamente chamada Area Loura, pola súa característica cor dourada) e a Praia de Patos. O seu punto máis alto elévase 147 m. por riba dos seus rochosos cantís, que no seu resgardado lado sur, no entanto, deixan algunhas preciosas caliñas aptas para o baño. Probablemente o seu nome teña que ver coa existencia de vetas de ferro, que quizais expliquen a existencia de restos de época romana. Outra posibilidade é que estea relacionado coa palabra latina “ferox” (feroz), algo inmediatamente observable ao ascender polas súas ladeiras hoxe cubertas de piñeiros e eucaliptos, e que deberon estar dominadas pola matogueira e os toxos desde antigo. No lado norte, máis exposto e esgrevio, hai unha parede utilizada para practicar a escalada. No lado noroeste hai restos dunha base militar abandonada, creada en 1940 para repeler posibles ataques das forzas Aliadas. Un camiño circular rodea o monte, e varios carreiros conducen cara á cima, onde se ergue un monumento á Mariña Universal ou aos Mártires do Mar, inaugurado en 1924 co propósito de recibir aos viaxeiros retornados doutros países. Aos seus pés, un miradoiro ofrece unha extraordinaria perspectiva da desembocadura da Ría de Vigo.

!-- Event snippet for Website traffic (1) conversion page -->