Nigrán é un dos concellos de Galicia que conta cunha maior abundancia de petróglifos, unha manifestación rupestre típica do noroeste peninsular, especialmente frecuente na contorna das Rías de Vigo e Pontevedra. Estas insculturas, que se adoitan encadrar no período que vai do Neolítico á Idade do Ferro e poden ser abstractas ou representar animais e escenas de caza, teñen dado lugar a distintas interpretacións dos mesmos por parte dos estudiosos, a máis recente das cales, desde o punto de vista da arqueoloxía da paisaxe, apunta á súa posible función como marcas para indicar a presenza de certos recursos naturais ou rutas de pastoreo.

Nigrán conta con máis de 150 conxuntos de arte rupestre, que se viron seriamente ameazados pola presión urbanística e o vandalismo. Os montes da parroquia interior de Chandebrito, a máis alta de Nigrán, concentran o maior número deles; pero atópanse insculturas ao bordo mesmo do mar, como é o caso dos petróglifos das Penisas Pequenas, nas ladeiras de Monteferro, fronte ás Estelas, cuxa localización e características (pequenos baleirados na roca, quizas para moer herbas silvestres) suxiren un posible uso ritual. A cantidade e calidade destes gravados na área de Nigrán levou á corporación municipal a ser o impulsor da solicitude feita á Xunta para que estes bens que converten a paisaxe galega nun museo ao aire libre sexan declarados Patrimonio da Humanidade.

!-- Event snippet for Website traffic (1) conversion page -->