Durante o último terzo do S.XIX, coa paulatina industrialización da área viguesa, a conexión por ferrocarril coa meseta e o incremento do tráfico marítimo, vaise consolidando unha nova burguesía urbana vinculada ao comercio, as industrias conserveiras e os estaleiros. Estas familias acomodadas atopan en Nigrán, coa súa excelente orientación e a súa histórica vinculación coa fidalguía rural, un lugar ideal para os seus retiros vacacionais.
A prosperidade de países americanos como Arxentina ou Uruguai trouxo de volta emigrantes “indianos” que chegan con novos capitais e a vontade de transformar o seu lugar de orixe. Un deles foi Manuel L. Lemos, a quen se debe o proxecto de conversión da contorna da antiga Praia de Area Loura nunha vila vacacional, que quixo chamar “América Latina”, nome do que procede o actual de Praia América. Deste xeito, nese espazo comezaron a florecer novos chalés e residencias de verán, algúns dos cales, como o do caricaturisca Sileno ou o de Celso Méndez, foron deseñados polo mismísimo Antonio Palacios, que no seu afán por dignificar o rural, soubo sintetizar o uso do granito con elementos dos “rustic cottages” ingleses.
A partir dos anos 60, a presión urbanística veu aumentando considerablemente, o cal a miúdo tivo efectos pouco desexados sobre a paisaxe. Con todo, hoxe, o areal de Praia América, segue sendo unha fermosa platea sobre o Atlántico.