Ao norte de Monteferro ábrese a ampla enseada de Carreira, bordeada polo extenso areal de Patos e o máis pequeno d’As Canas ou O Caranguexo, separada da anterior por varias fileiras de rocas. Cunha lonxitude de 1 km, e máis de 30 m. de anchura, a de Patos -cuxo nome pode ter a súa orixe na existencia dunha antiga lagoa litoral que tería sido colmatada, na que se reunirían ánades e outras aves- é unha das praias máis famosas das Rías Baixas. É tamén unha das mellores de toda Galicia para a práctica do surf, o windsurf e outros deportes náuticos, grazas á súa orientación cara a mar aberto que garante ondas frecuentes e vigorosas, sobre todo nos meses de inverno; aínda que moitos prefiren a contigua Praia das Canas, máis exposta que a anterior ás correntes do océano. Ambas as praias son tamén aptas para o baño, e ofrecen unha vista espectacular das Cíes, que nos días claros parecen case ao alcance da man.
Detrás da Praia de Patos, e todo ao longo do Concello de Nigrán, atópase a vella Estrada da Vía, a cal segue o trazado da antiga liña de tranvía que unía Vigo e Baiona. Hoxe día só o nome lémbranos que un día un transporte de proximidade eléctrico cunhas vistas incomparables unía a costa nigranense coa urbe viguesa, que foi desmantelado nunha desatinada decisión política.