A chamada Ponte Romana d’A Ramallosa, é en realidade unha ponte de orixe medieval, aínda que no mesmo lugar existía unha ponte anterior polo que pasaba a estrada romana do Itinerario Antonino, un dos máis importantes da antiga Gallaecia. Esta ponte sería destruído por Almanzor na incursión que realizou no ano 997 contra Galicia.
A ponte actual, que une os concellos de Nigrán e Baiona, foi construído no S.XIII a instancias de Pedro González Telmo, bispo de Tui, canonizado como San Telmo; cuxa imaxe aparece na columna do cruceiro que marca a metade da ponte, xusto encima dun Peto de Ánimas.
As pontes antigas, en Galicia, son lugares que adoitan estar impregnados de lendas e crenzas cuxo orixe remota arrinca en vellos cultos pagáns. Nas culturas pre-cristiás, os ríos tiñan un poder máxico asociado á fertilidade, e o paso dos mesmos supuña traspasar un limiar sacro, relacionado co tránsito entre este mundo e o alén. A ponte da Ramallosa é un claro exemplo disto, cun cruceiro que dalgún modo trata de cristianizar unha tradición anterior, viva ata tempos recentes, segundo a cal, a muller que non lograba ter fillos debía verter sobre o seu ventre auga do río a medianoite e, a continuación, o padriño da futura criatura debía ser a primeira persoa en cruzar a ponte.